Etiquetas

Seica agora que comezan a morrer os medios galegos, importan. Polo visto antes non. Polo menos, algo avanzamos e xa comeza a haber debate. Entrañable, iso si, igual que é entrañable o manifesto. Non me entendan mal, o meu apoio gremial, faltaría máis. Pero coma sempre esquecemos ir ao fondo do problema.

O manifesto de marras, agás repartir culpas (e até iso fai dun xeito discutible), volve tras o de sempre en Galiza. E que hai da miña parte?

Por suposto que é criticable que a Xunta só apoie maioritariamente ós medios en castelán. É criticable mais é, até certo punto, normal. Aí están os datos de difusión, que até que se invente outra cousa é o máis supostamente obxectivo, que non infalible. Deixemos a un lado tamén os concursos amañados e as publireportaxes pagadas por algunha consellería que todos temos escrito algunha vez e que, por suposto, nunca chegamos a cobrar. Que pregúntome eu a que se dedican nalgúns gabinetes se xa nin sequera ofrecen información.

En calquera caso, o que realmente é deleznable é que a Xunta destine cartos públicos, en xeral, aos medios de comunicación, independentemente de se están escritos en castelán ou en swahili. E sobre eso non aparecen manifestos. Sobre eso, todo o mundo permanece calado. Os medios, os primeiros, non vaia ser o diaño. A fin de contas teñen práctica, non embargantes son os primeiros en denunciar esa cousa que se chama precariedade laboral, pero claro, só en casa allea.

É moi triste (un calificativo que, sen dúbida se queda curto) que un medio, unha suposta empresa privada cuxa finalidade debería ser vixiar o comportamento dos poderes públicos ―Xunta ou calquera administración―, acabe vivivindo dela en troques de seren autosuficiente. Ningún can morde a man que lle dá de comer. Eso explica moitas cousas. No canto de medios temos fábricas de xornais, esas cousas que serven para envolver chourizos na Praza de Abastos de Compostela. Dáme igual que sexa o máis pequeno ou o máis grande. Todos adoecen de pesebreiros, de diferente tamaño, pero de seren pesebreiros ao fin e ao cabo. E o que máis protesta faino só movido pola propia fame.

E por certo, o agora añorado bipartito nada fixo para cambiar un modelo que é ruinoso a todas luces e que mesmo pasara anos criticando. Claro que o fixera antes de pisar moqueta. Unha vez sobre ela, o que fixo foi perpetualo e nin así… O pago recibido saltou á vista nunha campaña electoral inolvidable. Algo parecido lles pasou ós gobernos que, rápidos e veloces, acudiron a salvar ó sistema bancario e bolsítico. O resto é historia contemporánea.

A alguén se lle pasou pola cabeza que nun país como Galiza malvivan máis dunha ducia de cabeceiras. Así acaban sendo, a maioría. Simples voceiros dos seus pagadores.

Hainos os que agora critican os lectores. Se son eles os que cos seus impostos axudan a manter moitos estómagos agradecidos. Estómagos ós que nin sequera len e teñen todo o dereito de non ler. Culpar aos lectores é como o vello conto que se di sobre o nacionalismo e o país. Non é certo que o primeiro non entenda ao segundo, o que pasa é que non lle gusta e aí veñen os seus problemas. Por outra banda, imaxino que os lectores de medios en galego son agora os mesmos que cando Fraga repartía cartos, mesmo cado o bipartito puxo o traxe xeneroso. Mais daquela ninguén botaba de menos ós lectores.

Pero de todo iso, nin unha palabra. Como tampouco palabra duns directivos de medios que viven no século XXI e fan un xornalismo do XIX. Minto, no XIX había cousas mellores das que se fan agora. Ao mellor habería que comezar por deixar de aceptar roldas de prensa sen preguntas. Alguen sabe que existe o fax, e díría máis, até o e-mail? Para repetir un discurso non paga a pena sair dunha redacción.

Basta con abrir un xornal, poderíamos dicir calquera. Salvo contadas excepcións, a cargo de traballadores malpagados case sempre, o panorama éaínda máis triste. Semella que Galiza, despois de cen anos, segue a ser ese país onde só hai vacas e peixes. Por non falar do articulismo. Hainos que nin sequera saben escribir a non ser para enlazar un insulto tras outro pero aí están, elevados á categoría de firmas estrela. Se non son xornalistas, mellor que mellor. Aínda que este, o problema da educación e a corrección nas formas non é exclusivo da prensa do país.

Se cadra é iso, que dos medios só queda a súa parte empresarial. Por eso vamos coas empresas que, tan malas elas, tampouco poñen suficiente publicidade.

Unha empresa, se é privada, ten todo o dereito a anunciarse onde lle pete. Por esa mesma regra non pretendemos que o diario X se anuncie no Q, por poñer un exemplo. Ambos os dous son empresas. Ás veces, tanto que esquecen que tamen son xornais.

Esto tiña solución. Se houbera cartos para todos, ninguén se queixaría, como non o facían cando as vacas gordas pacían en todas as leiras. Que eu lembre aínda daquela os medios en castelán cobraban bastante máis que os galegos. Alí a disputa era outra. A eterna pailanada de por que os do norte levaban máis que os do sur. Nin que falaramos de aeroportos.

É o país.

Publicado orixinalmente en Galiciaconfidencial.com

Anuncios