Diego E. Barros

Cada día que pasa cobra máis actualidade por eso merece ser recuperado

Vós, que nos fixestes promesas que de sobra sabiades que non se ían cumprir. Dixéstesnos que herdabamos un mundo moito mellor có que vos deixaran a vós. E cada vez que o repetiades faciádelo cun reproche como querendo facernos partícipes dunhas culpas que non temos. Ou agardando por unhas grazas que non merecedes. Era a vosa obriga e nin sequera iso fixestes ben. Salta á vista.

Diciades que tiñamos de todo e que agora todo era máis fácil para nós. Que só tiñamos que traballar duro. E fixemos un BUP descafeinado que, máis tarde vós mesmos vos ocupastes de mudar nunha LOXSE que despois non soubestes desenvolver. E agora sodes os que penades polos resultados cada vez que algún organismo saca un informe sobre o resultado dunhas reformas que nós non ideamos. Coma se os vosos resulatados foran mellores.

Convencéstenos de que, no día de mañá, tanto ten, de que, o máis importante de todo era ter un título, aínda que fora colgado da parede, porque así se dividen as persoas hoxe, as tituladas cun documento en papel moeda, ou as indocumentadas, condenadas por sempre a ser formigas obreiras do sistema.

Algúns fomos á universidade, máis descafeinada aínda porque vós mesmos vos ocupastes de dicir que para que dar guerra alí, que a loita era cousa do pasado e que alí só se ía a estudar. Tomar e calar. E faciádelo incluso presumindo de pedigrí demócrata e amosando unhas feridas de gris que, na maioría dos casos, eran produto da vosa imaxinación. O que nos legastes foron novos plans, informes Bricall, contrapláns e plans novísimos solapados nun eterno retorno. Aínda así sacamos as carreiras para que vós presumísedes delas ante os amigos que tamén presumían de fillos, que eran os nosos compañeiros de pupitre e cos cales nada tiñamos que dicirnos.

Dixestes que había que viaxar e aprender idiomas e fixémolo.Viaxamos por libre e con Erasmus mesmo, pese ó voso intento de botar po sobre un invento que, no fondo, procura escapar da vosa influencia e que foi o único bo que ten unha universidade que baleirastes de talento e enchestes de chupóns salvagardas dun sistema endogámico máis propio do século XIX ca destes días. Pero aprendemos idiomas, mal que ben, o que xa é algo máis do que vós fixestes, que mesmo rexeitades a lingua do país.

E logo viñestes con que o que nos faltaba era un máster, último invento para seguir facendo negocio do rabaño que estabades a crear. E abofé que os fixemos aínda que moitos deles, 3.000 euros/ano mediante, non foran máis que maquillados impostos revolucionarios -crédito aquí, outro alá, máis un seminario que nada ten que ver co anterior acolá-, para salvar as maltreitas arcas dunhas institucións que nada mudaron desde que as deixastes. E non parastes até institucionalizalos como palabra do Señor baixo esa etiqueta caixón de xastre que é o Plan Boloña. Todo até converternos na xeración máis preparada da historia de España, coa que os que andades dedicados a xestionar a cousa pública, herdada dos vosos pais, enchedes a boca alá por onde ides. E todo para evitar falar do despois.

Pero o despois chegou e as vosas promesas non serviron para ocultar o que nos agardaba. 600 euros sen contrato nin Seguridade Social, coa escusa da experiencia. Como iamos ter experiencia se andamos a formarnos? Suponse que era o que viña despois. Non vos preocupedes, en dous anos facémosvos contrato (de seis meses renovables), 1.000 euros netos, contestastes.

Convertidos en mileuristas deixámonos convencer máis tarde de que o seguinte era ir mirando casa, que non se é ninguén sen propiedades. E, a porta gaiola, tirástesnos aos pés dos bancos e ás súas armas de destrución máis IVE en forma de futuro hipotecado. E cando nos demos de conta dixéstesnos que a vida é así. E algún espilido dos vosos aínda di que gañamos demasiado.

Vós, os que soñastes con mudar o mundo e acabastes por fodelo aínda máis, sodes agora os que clamades polas esquinas e tertulias contra os nosos irmáns pequenos. Que se non teñen interese por estudar, que se non teñen respecto nin responsabilidade. Estudar para ser mileuristas coma nós? Respecto? Ó diñeiro fácil? Ó ambiente? ós (a vós) maiores? Ó ser humano? Ao respecto que sacades a pacer xunto coa vosa falta de responsabilidade? A todo o que vós respectades desde as institucións que gobernades?

Vós, que bebestes os sesenta, os setenta e metestes en vea os oitenta. Vós, que convertestes a televisión nunha gran caixa de merda, sodes os que falades de respecto. As tarimas nas aulas? A agardar en pé marcial? Ou a mirar como sodes vós os que denigrades os mestres ós que enviastes os vosos fillos. Sodes os traidores e da vosa traizón chegou a nosa condena. Somos o resultado único do que vós construístes.

Por iso, cun vaso de plástico cargado de ron con cocacola, igual que fixestes vós no seu día, brindo porque vaiades tomar polo cu. Na busca dos vosos valores.

artigo publicado orixinalmente en Galicia Hoxe o 21/09/2009
Anuncios