Etiquetas

,

NON TAN MODERNAS

The Kids Are All Right – Lisa Cholodenko (2010)

Escea do filme

Apoiada en precedentes de éxito comercial como os de American Beauty, Little Miss Sunshine, Sideways e tantos outros, a industria independente estadounidense lanza cada ano un abano de comedias “pequenas” destinadas a explotar a mesma estratexia. Por unha banda, invístase en caras coñecidas que dean garantías de comercialización. Pola outra, apóstese por unha historia abondo exótica como para captar a atención da Academia e figurar nas quinielas dos Oscars. O cumprimento das dúas premisas equivale a triunfo e, despois diso, a outra cousa.

A etiqueta indie serviu en tempos para designar a orixe modesta dunha produción, pero gañou cos anos un sentido máis específico, sobre todo no eido da comedia. A noción apela agora a un modelo de filmes que, sen quebrantar as convencións do relato máis clásico, ocúpase de historias cotiás recollidas da vida moderna, permítese un grao variable de ironía e adoita vir asinado por nomes pouco coñecidos e adscritos a certos -chamémolos así- círculos librepensadores. Dentro deste esquema a liberdade de creación é posible, pero non queda demasiado espazo para audacias de autor.

A perla deste ano é The Kids Are All Right, que desde logo cumpre as dúas premisas anteriores: un elenco popular e un argumento capaz de pasar por exótico. Na que é a súa terceira longametraxe, Lisa Cholodenko asina unha análise lúcida sobre algunhas fealdades da vida en parella e sobre os actos estraños e inesperados que esculpen as relacións (p/m)aterno-filiais.

O matrimonio formado por Nic (Annette Bening) e Jules (Julianne Moore) concibiu os seus dous fillos por inseminación artificial. Chegado o momento en que a filla maior (Mia Wasikowska) está a piques de marchar á universidade e o seu irmán (Josh Hutcherson) se aproxima á idade adulta, Nic e Jules fixérono ben ata o de agora. Moi conscientes aínda da súa excepcionalidade sexual como cabezas de familia, as nais cren ter instaurado un modelo de convivencia sen fallas aparentes. Porén, cando os rapaces deciden coñecer secretamente o misterioso doador de esperma de cuxos xenes son portadores, estas fallas non demoran en saír á superficie.

Malia ser a cuestión homosexual o cerne da súa carreira en cine e televisión, Cholodenko négase aquí a loitar pola causa. Despreza a militancia e elixe normalización: non se trata de reivindicar as familias homosexuais e a súa especificidade, senón de presentalas como un modelo asentado de familia que carece de rarezas per se. Ou, máis ben, que pode presentar as mesmas rarezas ou convencións que calquera familia hetero. A pequena gran traxedia da parella que forman Nic e Jules é a de terse convertido precisamente no seu reverso: un matrimonio burgués onde Nic exerce o tradicional rol masculino, dominante e controlador, que trae os cartos á casa. Jules, pola súa parte, trata de recuperar para si un espazo de liberdade e un modo de expresión persoal aos que debeu renunciar por mor da maternidade.

A ironía reside en que elas teñen conciencia de ser unha parella moderna e de pensamento aberto. En realidade pecan de snobs, son pedantes nos falares, algo clasistas no plano intelectual e mesmo teñen algún amago racista. Os estraños nomes dos seus fillos, Joni (pola cantante Joni Mitchell) e Laser, son unha marca antiga desa vontade de ser hippy e, máis que nada, de mostralo ao mundo.

Ese espírito alternativo mal entendido colide de súpeto co modelo que encarna Paul (Mark Ruffalo), o pai biolóxico. De entrada é un tipo despreocupado, libre de cargas, inimigo das convencións, implicado co seu restaurante de comida biolóxica e, por se fose pouco, afectuoso cos rapaces. A tempo que a relación entre Paul, Joni e Laser se fortalece, máis se pon de manifesto o carácter convencional das disfuncións familiares. Estas tradúcense na necesidade de rachar cunha atmosfera de control que, disfrazada de comprensión progre, leva anos poñendo límites á espontaneidade.

Unha lectura posterior tamén revela ata que punto a tarefa de educar consiste en estar aberto a improvisar cando xorde o inesperado e, sobre todo, a substituír esquemas de comportamento cando se demostran prexudiciais. Os adultos concéntranse en evitarlles preocupacións aos fillos, cando eles mesmos se encargan de xerar moitas desas preocupacións. Ao cabo, os rapaces están ben, a pesar dos adultos.

O tratamento da cuestión de parella ofrece outro apunte interesante: a vontade de diálogo e a procura constante de consenso non son, por si soas, garantes de entendemento mutuo. Antes ben, poden servir para impoñer criterios e mesmo agachar formas veladas de manipulación. No seu retrato destas pequenas miserias a película é hábil, se ben tende a exhibir en exceso as súas propias armas. Son as excelentes interpretacións as responsables de manter a carga de profundidade alí onde a historia ameaza con devir comedia lixeira.



Anuncios