Etiquetas

, ,

Gustav Klimt - La sangre del pez

I
NECESIDADES

Fixo falta acendela luz
para darlle algo de claridade
a un desexo tan escuro.

Fíxose necesario inxerir líquido
para humedece-la lingua alén da lingua
e que a gorxa, lubricada,
se distendese da tensión insoportable
sobrevida pola sequidade extrema.

Foi preciso alentar,
retornar a debilidade humana e deixar que o aire frío
entrase pola boca ata os pulmóns,
recobrando así o pulo,
paso a paso.

Aburado pola circunstancia foi imprescindible pensar,
enviar as extremidades ordes breves e coherentes
e trazar así un mapa xeopolítico
cos diferentes accidentes e as zonas menos belixerantes,
antes de que os meus beizos,
abeirasen outra vez a gruta.

III
RECICLAR
AMOR

Reciclar amor
e recolle-lo último resto de saliva usada na túa lingua
para leva-la gastada ata o teu pube,
onde fermente,
e se converta nunha pinga nova
de desexo por derrotar

IV
PRESENZAS

Sei que aínda está aí,
palpitando,
xemendo nun punto recóndito das papilas gustativas.
Son quen de sentila na distancia,
acubillada entre os restos de café
e amortecendo baixo o gusto do penúltimo cigarro,
esvaída.
Sei que aínda agoniza na túa lingua coma unha posta de sol,
intemporalmente fermosa,
coma unha finísima liña que se resiste a morrer no mar ou paralela o val,
minguando sobor dos campos.
Sei que te fai suspirar aínda a ultima pinga de saliva
que arrincaches do meu lombo coas unllas, entre risas.

V
RESTOS

Ó menos houbo calor.
Carne encarnada baixo a parábola dental
que deixaban as túas pequenas trabadas
e carreiros de catro en catro,
coma un arado,
sobre o meu lombo.
(Un luxo de circuíto)
onde se demoraba a túa lingua
cando demos paso a quietude.

Marisol Gándara Sánchez (Saint-Julien-en-Genevois, Francia, 1981) naceu un día de Epifanía e medrou nun pobo a beira da N-550. De cativa vía como a xente se mudaba nunha e noutra dirección. Matriculouse en Filoloxía Inglesa por casualidade e ao cabo de cinco anos xa tiña un título. Gañou algúns certames de poesía do colexio, outros tantos do instituto, algún da vila e un accesit nos premios minervais do colexio Peleteiro aínda que non lembra o ano. O primeiro e único libro de poesía que tivo durante anos foi as Rimas de Bécquer e aínda sabería dicir, que non recitar, boa parte dos seus versos de memoria. Mantense da hostalería pero a man segue lista para signos, símbolos e imaxes da mais diversa orde.
Anuncios