Etiquetas

,

A poetisa Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972) atopou un novo selo editorial que se atreve coa súa obra. ToxoSoutos recoñece un camiño poético singular, unha aventura irrenunciable e resistente ás negativas que fronte certo tipo de fenómenos desenvolve o noso sistema editorial.

Lupe Gómez é dende fai tempo unha figura singular na literatura galega, na actualidade tan orientada ás bondades da internacionalización, á poesía domesticada e ó control editorial que produce unha catalogación inmediata dos escritores “rebeldes” a través de certos estereotipos neutralizadores.

Hoxe asistimos ós debates mornos e recorrentes que dilúen as problemáticas esenciais da creación literaria. Hai unha crítica light que incide nas novidades das editoriais hexemónicas e desatende as apostas dos pequenos selos fronteirizos. Creo que nese territorio é onde debería incidir a crítica, non na publicitación repetida dos lanzamentos que fan as editoriais históricas.

A Grafía dos Mapas (ToxoSoutos, 2010) é un libro que nos conecta coas cartas limpas do poeta Claude Royet-Journoud e coa fascinación antropolóxica que o filósofo Emilio Arauxo ten polo Entroido. Emilio transmítenos a todos esa emoción e tamén a Lupe, os dous tan emocionais e obsesivos nos seus amores, sempre espléndidos cos amigos, con ganas de comunicarlles os mundos que lles fascinan. Encántanlles regalar versos, imaxes, postais… enviar cartas, ese algo que os une é o esencial de A Grafía dos Mapas.

Nestes textos a poetisa cóntanos que ve, escoita, lee, que é o que sucede nas fotos e fora delas, que é o que lle sucede, o que a mobiliza. Atopamos preguntas, posibilidades e certezas, confidencias e recordos, segredos, descubrimentos, desexos, consellos e previsións, observacións e noticias… múltiples listaxes que atravesan a súa poesía, que son a súa forma de contar dende aqueles primeiros versos mínimos de Pornografía (1995) que se alongaron como un río en O Útero dos cabalos (2005).

Atopamos unha necesidade de comunicación cos vivos e cos mortos, unha necesidade de prolongar a amizade. O mundo que Lupe leva polas rúas, que non abandona nunca, nin un intre, nin cando fai as entrevistas nin as críticas de teatro… isto é único: a actitude, a mirada poética de Lupe é un continuo, non cesa, non descansa nunca. Atravesa o cotián cunha mirada para a escrita, olla para escribir, a súa comunicación natural é a palabra escrita, onde ela atópase na súa máxima posibilidade.

A mestura do Asombro coa Tristura, o Amor, a actualidade da situación social filtrada polos ollos dunha nena… o universo de Lupe é un mundo inconfundible, incómodo para os que perderon a pureza dos Mapas e necesitan de referentes pechados para conectar coa poesía.

A crónica da cidade e da aldea, de Santiago e Fisteus, a crónica dos amigos, vivos e mortos, da Compostela destes anos, está recollida no perenne tempo dos libros.

O absurdo como vía para atopar a intensidade no canto do suceso, na subversión da realidade polas imaxes das personaxes oníricas dos felos, polos seus tocados e vestimentas. A subversión do real é un punto común no que atopou Lupe un eido compartido coas imaxes de Emilio Arauxo. A fascinación polos neoloxismos, pola novidade, a fascinación polo progreso xunto á denuncia oscura e naïf do inxusto e da soidade, porque non esquezamos que o esencial en Lupe é a soidade.

Lupe ten unha irmá portuguesa, unha irmá maior, radical e iconoclasta: Adília Lopes. Cos seus mundos marabillosos cheos de soidade atravesan dúas literaturas irmás. Coa vida escrita como único camiño para sobrevivir; Lupe e Adília viven por e para escribir, o seu medio natural é a palabra escrita, onde son libres e establecen a comunicación perfecta co Outro.

En A Grafía dos Mapas encóntrome cos amigos, cos mortos, con terras abandonadas, propias e estrañas, cos animais marabillosos, cos felos, cos veciños de Fisteus e co rezo que para min é a poesía. Coa necesidade de rezar, de contar o que non podemos calar. Esta é a poesía viva que medra nas fronteiras-marcos, nas silveiras da nosa literatura.

“Morte en Venecia”
Alguén asasinou a beleza
da pita das Eiroás. Roubáronme
a miña carteira sen cartos e quedei
orfa -sen pai, sen nai, sen irmáns-
no festival de Venecia…

Branca Novoneyra (Lugo, 1976) é bailarina e poeta. Nas súas pezas Nexus 6, Game Over e Aneis recorre o seu libro Dentro do Labirinto (Espiral Maior, 2009), nelas a intertextualidade entre poesía e movemento guía a creación coreográfica. Publica sobre danza e poesía en revistas especializadas. O pasado ano gañou o premio “La voz + joven 2010” da Obra Social de Caja Madrid. www.brancanovoneyra.com
Anuncios