Etiquetas

,

Ettore Messina, ex técnico do Real Madrid

No conto dos “Tres porquiños”  o lobo derrubaba a casa de palla e a casa de madeira dos dous irmáns máis vellos pero non puido derrubar a casa de ladrillo do irmán máis novo (casa moito máis sólida e edificada con moito mais esforzo e dedicación).

Fai apenas uns días un lobo en forma de dimisión derrubou a casa mal edificada que, a día de hoxe, é a sección de baloncesto do Real Madrid. O mellor equipo do mundo fora da NBA, como soen dicir os madridistas, é un barco á deriva  que en 15 anos xa devorou a  máis de 10 adestradores (entre os cales se atopan xente de currículums tan notables como  Obradovic, Maljkovic ou o propio Messina).

Namentres isto ocorre na Casa Branca, o F.C. Barcelona leva varios anos edificando unha casa de ladrillo que non lle teme aos sopridos dos lobos. Dende que se cesara a Dusko Ivanovic a dirección deportiva blaugrana decidiu apostar por un home de baloncesto como é Joan Creus, con plenos poderes dentro da sección, e confiar nun home da casa como Xavi Pascual que chegou sendo un perfecto descoñecido e, a día de hoxe, é un dos técnicos máis reputados de Europa.

A consecuencia desta solidez da sección de basket no F.C. Barcelona estase a traducir na chegada incesante de títulos (Copa, Euroliga e derrota de xeito sorprendente na final de Liga ACB do pasado ano e, polo momento, a Copa do Rei deste ano 2011 no que derrotou unha vez máis ao Madrid do propio Messina).

A sección de baloncesto do Real Madrid é un dos patrimonios máis grandes da Casa Branca e acumula un palmarés inigualable no que se acumulan 30 títulos de Liga, 22 Copas do Rei, 8 Copas de Europa / Euroligas, 4 Recopas, 1 Copa Korak e 1 Copa ULEB como logros máis salientables.

A pesares deste peso histórico o baloncesto sempre foi visto polos máximos mandatarios do Real Madrid como un irmán pequeno ao que había que manter pero ao que nunca se lle quixo do mesmo xeito que ao neno bonito dos presidentes que non é outro que a sección de fútbol do club. Xa na época do finado Ramón Mendoza como presidente foron moitas as voces que avogaban pola desaparición da sección e esa Espada de Damocles segue pendendo das cabezas de todos os madridistas que amamos ao baloncesto.

Enfrontamento entre o Real Madrid e o Regal Bacelona (ACB PHOTO)

A Chegada de Florentino Pérez a presidencia do clube branco no ano 2000 parecía que traería consigo o relanzamento da sección pero fora de éxitos esporádicos como son as ligas gañadas no ano 2000 da man de Sergio Scariolo, a milagrosa vitoria do ano 2005 con Maljkovic ao frente co triple  de Alberto Herreros ou a do ano 2007 da man de Joan Plaza (aquel ano conquistouse ademais a Copa ULEB baixo a presidencia de Ramón Calderón) o baloncesto madridista sigue inmerso nunca continua crise onde os cambios a nivel directivo están á orde do día.

Nomes como os de Antonio Martín, Alberto Herreros, Alberto García Chapulí, Antonio Maceiras, Juan Carlos Sanchez,… desfilaron nos últimos anos polos despachos do Bernabeu sen conseguir enderezar o rumbo da sección e facendo que os afeccionados asistamos a un desfile interminable de xogadores que pasa con máis pena que gloria polo Real Madrid sen aportar máis que perdas as xa de por si debilitadas arcas do baloncesto branco (dende Stefano Attruia ata Morris Almond pasando por xente como Lazaros Papadopoulos, Quinton Hosley ou Jeremiah Massey).

Este desapego da cúpula do Real Madrid coa súa sección de basket quedou retratado cando, tras perder a final da Copa do Rei ante o Barça, Messina se fundía nunha cariñosa aperta co presidente  blaugrana Sandro Rosell namentres que Florentino Pérez só se limitou a un frío e protocolario saúdo.

Así as cousas a sección queda descabezada no momento máis importante dunha temporada na que o equipo está vivo en todos os frontes (clasificado para cuartos de final da Euroliga e co factor cancha a favor no play-off ante o Power Electronics Valencia e segundo na Liga ACB) precisamente no ano que o baloncesto madridista cumpre 80 anos.

Para rematar esta reflexión só queda formularse unha cuestión: Aceptaría Florentino a dimisión dun adestrador sen tan sequera tentar convencelo do contrario si no lugar de Messina fose Mourinho o afectado? Eu teño as miñas dúbidas….

Esperemos que desta o lobo non se coma ao porquiño pero tamén é de esperar que os reitores madridistas aprendan a facer casas de ladrillo polo ben de todos os afeccionados.

Anuncios