Etiquetas

,

Detalle de la portada del disco Unidad de desplazamiento (Los Planetas; Javier Aramburu, BMG Music Spain 2000)

 

I

Líquido estado.

Liba onde lambes
e libérame deste libelo onde se ceiban lívidos
peticións que acompaño de ofrendas as túas pernas
coma lianas que prenden na vista
coa lexítima licenza que outorga
a abstinencia prolongada da túa presenza.

 

II

Estadio potencial

Ensíname ti a non desesperar
e non escapar correndo
porque non quero que se perdan os nosos corpos
na impaciencia de arder
XA
nunha combustión espontánea
que implica que só resten cinzas.

Non quero ser pasto das chamas.

Quero na vez que me pastes,
que me regurxites pouco a pouco
porque non é o poema pan dun só día
e o meu corpo,
que sirve xa para case nada,
está habitado dunha poesía que necesita que mordas
para poder ser
para sermos ambos.

III

Artística

Cicelábasme flores sobre o lombo
coma se fose un lenzo de Picasso,
unha deconstrucción da natureza
unha destrución de min,
que deixaba abrirme sucos
como se todo formase parte dun delirio
impregnando cada verso
que habería de nacerme nos dedos.

 

IV

Realidades sobrecolledoras

Déixate de romper a pixa contra os muros,
cariño.
Ninguén vai vir para te amar esta noite
que é demasiado corda,
demasiado usada de todos nós,
demasiado dura.

Ninguén chegara esta xeira,
miña estrela,
para darche un oco de procesión
nas vías que encamiñan cara o ceo.

Anuncios