Etiquetas

Líneas, Metin Demiralay

V

Intuír que se vai arder.
Descifrar o que ven impreso en cada botella
que nos regala con líquidos inflamables
para prender os sentidos,
para aprehender os instintos.

Saber que se vai arder,
desfacerse pouco a pouco nun lume incontrolado,
interno
de tanto amorear anacos de versos que saben a monte,
a selva,
esa parte do corpo que espera ser desbrozada pola man allea,
a extremidade que nos coida do lobo,
a extremidade que nos mantén en incedio.

Saber que van prender todos os versos
en canto fas acto de presenza
neste habitáculo onde se incineran desexos.
Ninguén pode saír ileso
dun congreso de pulsións e reflexos.

VI

Gústanme as catástrofes en miniatura
e recollerme a pel dorida fronte a folla,
delirios en Times New Roman de 12 puntos,
como marca o canon.

Conteño así o impulso
de odiar canto lixo mancha a rúa,
eu que tento reciclarme o corpo
porque quero saberche a novo.
Practico a ecoloxía da pel
reempregando cada anaco de servilleta
na que esbozo os teus xemidos embazando o cristal
que sempre saben a ansia obsoleta.

Anuncios