Co gallo da celebración onte 17 de maio do Día das Letras Galegas, os exteriores da libraría compostelana Couceiro serviron de marco para a presentación da nova web Letra en obras que recompila propostas narrativas de autores noveles menores de 32 anos.

Detrás de Letra en obras está o colectivo homónimo constituido por Ramón Vilar, Pablo García Martínez e Roberto Noguerol, tres profesionais con ampla experiencia no mundo do xornalismo dixital galego e que agora dan o salto á literatura coa fin de constituir “unha xanela para a creación literaria e a promoción de novos autores”. Coincidindo coa súa saída ao mundo, desde a propia web xa se pode descargar de balde oun primeiro documento que, baixo o título de “17 propostas frescas”, reúne nun libro electrónico en formato pdf  dezasete relatos inéditos de outros tantos autores noveles. Aquí pódense atopar propostas de autores como Samuel L. Paris, David Pobra, Iria Ameixeiras, Brais Lamela, Elena Veiga Rilo, Raquel Boo Anderson, Paulo Martínez Lema, Alba Payo Froiz, Xurxo Martínez, Mónica Fernández Armesto, Brais Zas, Alberto Rodríguez Díaz, Celia Parra, Vidal, Paloma Calvo, Eva Moreda e Andrés Carrasco, colaborador de Contraportada.

A páxina amosa que hai canteira e dáse a circunstancia de que dous dos escritores que participaron na primeira recompilación de Letra e Obras, Iria Ameixeiras (Soesto, Zas 1990) e Andrés Carrasco Solla (Pontevedra, 1989) están entre a terna de finalistas que disputarán a sétima edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia, mentres que outra, Elena Veiga Rilo, é a última vencedora do certame. Ambos os dous, xuntos con Iria Morgade Valcárcel, natural de Poio, son os finalistas da presente edición e deberán agora ultimar unha novela para tela o máis avanzada posible ao remate do prazo, o 13 de xullo, dun galardón que se fallará o próximo 25 de xullo, Día da Patria. Desta volta, o xurado do Premio Biblos está formado por Tucho Calvo como representante da editorial, Elena Veiga Rilo, e Xabier P. Docampo, quen será o encargado de titorizar a proposta gañadora.

Desde a esquerda, Ramón Vilar, Pablo García e Roberto Noguerol, na presentación de Letra en Obras

A producción litararia galega goza de boa saúde e, segundo os últimos datos, o ano pasado publicáronse en Galicia un total de 2.544 libros no noso idioma o que supón un crecemento do 19,94 % con respecto ao ano anterior. Pese a que a edición en galego aínda está lonxe das cifras da producción en catalán, si supera a outras linguas do Estado como o éuscaro.

Pablo García, un dos responsable e tamén gañador do Premio Biblos na edición de 2009 coa novela Relato dun estalido xordo, de Letra en Obras sinalou a este respecto que o novo portal “busca sacar ao mundo a aqueles esritores mozos que por algunha razón ou outra on tiveron aínda a ocasión de publicar”. “Hoxe en día, as ferramentas de publicación son máis accesibles a todos. Nós, o que queremos é darlle a oportunidade á xente de que bote paa o mundo os seus textos, despois, a súa recepción é cousa do público”. Polo momento van paso a paso e agardan ver a resposta que obteña por parte do público o novo portal antes de plantexarse una aventura editorial de máis calado. “Agora tiramos de colaboracións, tanto para encher a páxina como para sacar o primeiro libro electrónico e para poñerse a editar compre unha estrutura máis profesionalizada”, indica. En todo caso Letra en Obras segurá ofrecendo cada certo tempo novos libros electrónicos descargables con textos inéditos. “Todo depende do que nos chegue”, insiste García, quen non desbota a posibilidade de que Letra en Obras acolla tamén crítica literaria. “A prioridade coa que saímos son os mozos, o que non quere dicir que non poida entrar outro tipo de autores e de textos”. E engade: “o que non podemos é darlle as costas ao mundo, polo que do que pase por aí fóra, chegado o momento, daremos a nosa visión”.

 

Anuncios