Etiquetas

 

Metin Demiralay (c)

IX

Déixannos un par de prazas para xogar,
noites que durmir ao raso
e que imaxinemos como será o futuro,
o noso futuro
se as cousas non mudan
ou non mudamos a pel,
este corpúsculo de Krause
que por forza se acostumará a cada vez mais frío
e xuntar indiferenzas, indignacións
ou mesturar xenreiras inmensas con pequenos odios,
acadando así un equilibrio de loita
e soñar co cambio en grandes doses.

 

X

Sobre as pedras milenarias un cento de corpos aínda vivos,
mentes cheas de soños incompletos
produto quizais do ensoñamento colectivo …
e aínda vivos, cargan coa frustración
do soños que non cumprimos, coma fillos,
soños que, coma netos, non cumprimos,
quen sabe se aínda vivos, cumpriremos.

 

XII

Vileza impresa na prospección das palabras
e sacar con lenta man
en método de revolución,
cada unidade que puidera escapar ao ollo,
á orella,
afondar na estrutura ata que fique
só a esencia
o que fai que A estea dun lado
e  A- ou B estea debaixo.
Socavar a palabra,
na clase de palabra que designa extensión de mundo,
ou delimita as marxes do polígono onde non poderás entrar,
a superficie que sempre che será allea.
Vileza impresa na exploración das palabras
no feito de que cando digan privilexios ninguén vexa estrañeza
e cando digamos PRI VIL EXIOS
apareza a mesquindade dun mundo de vantaxes
onde non imos entrar.

Anuncios