Etiquetas

,

Logo de oito anos, 2.934 números e 130.000 páxinas, o xornal Galicia Hoxe bota o peche. Desde facía meses era un rumor instalado nas rúas de Compostela, alimentado primeiro pola crise total que afecta ao sector da comunicación nos últimos anos e, segundo, polos movimentos empresariais da súa casa nai, o Grupo Correo Gallego, desde finais de 2009. As verbas que estou a escribir son quizabes unhas das máis dolorosas que me tocou picar. Por dúas razóns fundamentais. Polos 19 profesionais que marchan á rúa, porque considero a algúns deles amigos máis que compañeiros de profesión e porque tamén, algúns deles, encaran un incerto futuro profesional no que o xornalismo atinxe. O segundo motivo é de índole personal. Porque a pesar de todo un sempre acaba por deixar parte do seu corazón nos sitios onde foi feliz. Eu fun feliz en Galicia Hoxe algo máis de dous anos e medio en distintas etapas. Fun feliz polos compañeiros cos que compartín redacción e fun feliz porque tiven liberdade absoluta para desenvolver unha profesión que non é nada sen vocación e que é, estou seguro, o único que sei facer. De todo o feito, agradezo a oportunidade que tiven de poder ter unha plataforma coma era a contracapa dos luns do GH para poder ofrecer aos lectores (escasos pero fieis) a miña visión da vida a base de Intrahistorias. Supoño que eso é algo que lle terei que agradecer a Caetano Díaz, o xa ex director de GH. Máis nada. E os que me coñecen saben por qué.

Moito se ten escrito e dito en centos de foros acerca do peche de GH. Caetano Díaz deixou a súa versión nun derradeiro artigo. Tirou de manual de novo xornalismo para cargar as culpas do peche no actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Acusa ao mandatario galego de matar “a sangue frío” ao único diario en lingua galega que quedaba tras a desaparición de A Nosa Terra, Vieiros e A Peneira. Esto non é de todo certo xa que o gratuito De Luns a Venres aínda, que se saiba, está vivo. Un erro menor nun texto, ao meu ver cargado de emotividade efectista que no entanto, obvia toda autocrítica. Supoño que o momento desculpa todo. Case de esguello alude ao propio país, á responsabilidade da cidadanía galega de mater un medio en galego coa súa implicación activa. Esto é indo ao quiosco e desde o punto de vista empresarial, contribuíndo con publicidade. Estes puntos están claros. Os dous fallaron e alude a Manolo Barreiro para certificalo:  “En Galicia hai milleiros de persoas que, sobre a importancia dun medio en galego, viven en permanente estado de necesidade, pero non dan o paso ao estado de compromiso co sostemento de ningún medio en galego crítico. Somos os lectores os que temos que soster os medios críticos e alternativos, Polo de pronto, apoiando os existentes, dándolles audiencia e contribuíndo economicamente ao seu sostemento”. Concordo  coas palabras de Barreiro pero novamente esquecemos unha cousa fundamental: a responsabilidade da empresa xornalistica para co seu público potencial. Desto, como dixen, nada.

Vamos por partes. É certo que a política de subvencións levada ao cabo pola Xunta de Galicia de Núñez Feijóo é desastrosa no que atinxe ao apoio da lingua do país e á cultura en xeral. E o é por unha sinxela razón. NF, como o PPdeG dirixente actual, non ten ningún interese no país Galicia como tal e moito menos na súa lingua. Se Manuel Fraga, aínda que fora por un puro interese personal para diferenciarse de Madrid, soubo explotar a Galicia país e facer do seu idioma un ben común pese a todo o que puidemos discrepar, o ínclito Feijóo chegou a Monte Pío coa lección ben sabida: a de explotar o autoodio que todo galego leva dentro e que algúns explicitan moito máis que outros. Ao PPdeG moléstalle a língua e moléstalle o país, unha palabra cuxa acepción nacional no diccionario da RAG borraría se del dependera. Feijóo non quere gobernar un país, quere reinar nunha rexión. E por eso, co beneplácito de boa parte da sociedade galega, converteu a Galicia nunha Murcia sen campos de golf e onde os montes ocupan o lugar dos invernadoiros. E esto, repito, é responsabilidade dos galegos. Non se pode ser país se os seus habitantes (a gran maioría e parte da outra metade) non queren selo. Por moito que nos doa. Só hai que botar unha ollada ao redor. A ninguén en Euzkadi ou Catalunya se lle ocorrería deixar ao país sen medios na língua propia. E a razón é porque os países, os grandes independentemente do que digan as leis, vense nos pequenos/grandes detalles. Nós, como país, carecemos deste tipo de detalles. Un exemplo é a podredume do novo alcalde do norte na súa primeira acción de goberno ao recorrer ao bilingüismo no topónimo en contra do que marca a Lei. Unha lei, por certo aprobada cando Fraga dirixía os designios de Galicia.

Hei de recoñecer que discrepo dun sistema de medios que sexan subvencionados pola administración pública. O xornalismo só pode ser libre se se exerce desde a independencia económica que dá o capital privado, os ingresos publicitarios e os procedentes dos seus lectores. O resto son mentiras disfrazadas de medias verdades. Ningún grupo de comunicación ou medio é sostible se depende nun 40% de axudas públicas como era o caso da casa matriz de GH. Eso explicou moitas cousas no pasado e volve explicalas a diario. Basta con botar unha ollada ás portadas de El Correo Gallego para saber o seu nivel de independencia mediática. O problema é que Roma non paga a traidores e NF, se algo ten, é boa memoria. E máis en tempos de vacas fracas. Dito isto, podo concordar en que xa que estamos nun sistema lonxe de ser perfecto como é este (e que o bipartito perpetuou pese a pasar anos criticando), o lóxico é que se hai axudas ao fomento do galego estas sexan exclusivamente para aqueles medios cuxa aposta é decidida a prol la lingua propia e non para aqueles que xustifican os cartos no peto cun par de páxinas diarias de cota e unha portada o Día das letras e o Día da patria. Exemplos sobran.

Para que exista un medio fan falla lectores. Polo momento, aí están as experiencias, en Galicia non hai lectores suficientes para un medio potente en galego e sobran comentaristas e mamporreiros reclamándoo en foros de Internet. O anonimato, como a escrita en Internet, é de balde e con eso pode que se constrúa militancia pero non se constrúe unha opinión libre e crítica na língua do país. Desde o punto de vista empresarial, xa sabemos, e coma di Carlos Callón, en castellano no hay problema. O problema é o galego nun país no que agás unha inmensa monoría, a súa cidadanía é totalmente ágrafa na lingua nai. Se a isto lle sumas a ausencia de militancia a prol de facer país (nada que ver con ser patriota, nacionalista ou independentista), velaí a resposta á eterna pregunta: é posible un medio en galego? Hoxe non.

No contexto da crise do xornalismo (habería que dicir medios de comunicación) hai quen ve esperanza no que se deron en chamar medios alternativos. Pode ser. Facer xornalismo é relativamente sinxelo. Só son necesarios tempo, vontade, un papel e un lápis. O xornalismo alternativo é moi bo, pero acaba por facerse por amor á arte. E a arte non dá de comer.

En todo o lamento acusatorio de Caetano Díaz, volvo dicir, nin unha soa autocrítica. Aquí tamén imos paseniño. Se non nos len seá porque o que facemos non gusta. É a explicación fácil e pode ser certa, máis só en parte. O xornalismo que durante un tempo se practicou en GH foi bastante semellante ao alternativo. Pola sinxela razón de que moitos dos que alí traballaban engadían ao seu exercicio profesional unha grande dose de amor á arte. Un amor nunca correspondido pola dirección da empresa, agás contadas excepcións entre as que coido que estaba o propio Caetano. Teño anécdotas suficientes que poderían falar do desprezo que sentín, non só polo meu traballo, senón pola miña presenza na redacción do Preguntoiro como membro do staff de GH por algúns directivos de El Correo. Coma min creo que algúns dos que onte quedaron sen traballo poderían falar para encher un carro de supermercado. Pero non é este o lugar. O pasado quedou atrás e non gardo rancor.

Si me molesta a irresponsabilidade raiando a cegueira empresarial. Un aspecto este que Caetano, así como todos os columnistas e colaboradores que, nas últimas 48 horas falaron do peche de GH, obviaron. Nos oito anos de vida de GH, o Grupo Correo Gallego fíxose cunha boa cantidade de cartos en axudas por parte da Administración. Os DOG están aí para seren consultados. O que se fixo con eses cartos mentres os houbo é competencia exclusiva dos xestores da casa que os recibe. E o uso que os xestores lle deron a eses cartos salta á vista. Unha pequena cantidade foi para pagar os salarios dos traballadores (non só os de GH). O resto, só os xestores que agora lavan as mans como Pilatos poden contestar a esa pregunta. Ao mellor unha pista pode estar na sabedoría popular, naquel conto que di que non se pode estirar a man máis aló do que dá o brazo.

Pero aí está o gran grupo multimedia co que encher estómagos baleiros e orgullos de tamaño semellante ás torres da Catedral.

Aí están as rotativas e as naves industriais en exclusivos (sic) polígonos industriais como o de Costa Vella, que máis que polígono parecía un campo de golf. Pode que murciano.

Aí están as pirámides salariais e directivas con subdirectores que ninguén coñecía do seu paso pola redacción e que pontificaban de cando en vez sen que ninguén ousara contradicilos.

E, por suposto, aí está a inversión nun medio como GH, diferente, fresco, crítico e cun potencial que xa non poderemos ver. Porque á empresa nai nunca lle interesou. Vinte traballadores para facer un xornal cuxa hora de peche eran as nove da noite, pasara o que pasara e por decisión empresarial, independentemente do que marcan as regras do xornalismo, da actualidade e do sentido común. Vinte traballadores que se ían aos sitios era porque querían facer ben o seu traballo, motu propio, porque con axencias se enchen máis rápido as páxinas e a rotativa pode pillar antes El Mundo e El Correo. O único importante. E claro, cando hai que repartir medios, os de GH eran os últimos e normalmente quedaban sen nada.

Hai un párrafo no texto do ex director de GH que é especialmente sangrante. “Se o gran libro da Historia lle dedica unha liña -que llela dedicará- ao proxecto máis ambicioso en favor do galego sostido por unha empresa privada, dirá, con total seguridade, que o GH naceu con Fraga, viveu co bipartito de Touriño e de Quintana, e morreu con Feijóo”. A súa sonoridade é impecable. O sentido, discutible. É certo que foi unha empresa privada a que levantou o “proxcecto máis ambicioso en favor do galego”. Pero tamén o é que o fixo por puro interese (lexítimo pero empresarial) de facerse co maná das axudas á lingua e que o fixo para gañar unha carreira de velocidade a un competidor co que xa de antemán a tiña perdida. Ás veces é necesario perder unha batalla para gañar a guerra. Polo momento xa sabemos quen a vai gañando.

Haberá quen diga que as miñas palabras son interesadas. Equivócase. Repito que non gardo rancor a onde fun feliz. Hai tempo que renunciei a gañarme o sustento como xornalista.

A miña relación co xornalismo activo limítase arestora a facer labores de publicista a tempo parcial en espera de coller as maletas cara un país veciño. A miña relación co xornalismo limítase a este portal onde son libre de dicir o que me pete sen insultar a ninguén.

A miña relación co xornalismo é publicar en sitios dos chamados alternativos textos polos que só me dan as grazas.

Fágoo por amor á arte. Porque xuntar palabras é o único que, con maior ou menor fortuna, sei facer. Vaian as miñas últimas para os 19 que agora quedan na rúa.

Porque na rúa nos atoparemos sempre, compañeiros.

Anuncios