Etiquetas

, , ,

Bótame
acostumareime pouco a pouco á vertixe da altura
e o sutil hematoma da caída
será a tatuaxe que exprese
canto nos empeñamos en sobrevivir.
A miña pel, ese lenzo gratuíto dos despropósitos
ou que nos cambien o canon  caprichosamente
será o espazo perfecto para esa dureza do golpe
mentres me expulsas da terra prometida
porque me expropias os posesivos.

Pero bótame,
faime entrar no tépedo e amplo espazo
e recentemente construída
sen revisar calquera posible erro na estrutura do pensamento
sen calcular algún posible defecto
fareime ao mar
ou a calquera outra dimensión
e tan inmenso o descoñecido
sobrevivirei
ou morrerei
ou claudicarei á vida co sinistro sorriso
que anticipa a total vehemencia
así que bótame e fareime ao poema
que o meu nome e os apelidos
sexan insurxentes dese anonimato que chaman pasividade
ou agardar co sorriso perfectamente debuxado sobre os peitos
na cabeza só un escote
e a forma mais proclive de manterme intacta en pé
a espera de que me botes
e definitivamente romper este innatismo
porque ou me pronuncio ou rebento
ou teño que votar contra a voz
que retumba no silencio
desta sociedade dun só individuo.

Anuncios