Etiquetas

, , , ,

Primeira entrega dunha extensa crónica sobre a campaña electoral francesa que publica Praza Pública

O presidente de Francia, Nicolas Sarkozy, nunha imaxe de arquivo

Se Nicolas Sarkozy fose estadounidense sería venerado según os mandamentos do mito do made-self man, o home feito a si mesmo. Pero Nicolas Sarkozy é presidente francés nunha época azotada pola maior crise económica da historia recente, e cunhas formas que a maioría dos franceses, nin sequera entre aqueles que o apoiaron en 2007, cada vez soporta menos. O que non se lle pode negar a Sarkozy e valentía á hora de facer anuncios impopulares a menos de tres meses das urnas. Ou tendencia suicida. O mandatario galo que desde o estalido da crise quixo poñerse en primeira liña ten ademais alma de reformador. Se en tres anos anunciou, sen moito éxito, reformas sistemáticas alén das súas propias fronteiras (do capitalismo en dúas ocasións e mesmo da UE), o domingo presentouse diante dos seus concidadáns para convalidar a súa condición de reformista. Remudar Francia para sobrevivir «nun mundo novo». Unha remuda integral,  na súa opinión, para «medrar, gañar en competividade e modernidade e frear as pérdidas de emprego que está a xeraliar o proceso globalizador».

Sarkozy parece vivir o síndrome dos mandatarios que, máis preocupados da historia esquecen que levan anos sentados no poder. No seu caso cinco, polo que algunhas das cousas anunciadas o domingo resultaron coñecidas. Nunha intervención que foi televisada en directo por nove canles (o socialista Laurent Fabius ironizou na radio pública con que «as únicas canles que se ían librar da pluralidade informativa de Sarkozy eran a do tempo e máis a de equitación») e na que eludíu confirmar oficialmente a súa candidatura para as presidenciais, ―«un non candidato entra en campaña», sinalaron o luns a meirande parte dos medios galos―, o presidente propuxo aos franceses un plan con seis medidas de grande calado, con Alemania como ceo e «España e Portugal» como inferno, pero que acabou postergando até despois das presidenciais e mesmo suaizando ante o interrogatorio dos entrevistadores.

A principal, o chamado IVE social permitiría salvagardar o estado de benestar mediante a eliminación das cotizacións sociais para as empresas de máis de 250 traballadores. Sarkozy fixou o custe da proposta en 13.000 millóns de euros que se verían compensados cunha suba do IVE do 19,6% actual ao 21,2%. Durante a súa intervención, Sarkozy xogou ao despiste e mesmo puxo como referente da súa política a ex mandatarios socialistas como o xermano Gerhard Schröder, cuxas reformas en Alemaña «permítenlle» a este país, dixo o francés, «aguantar mellor que ninguén» a crise. Esqueceu lembrar que ditas reformas custáronlle a Schröder o posto.

Noutra chiscadela á esquerda anunciou a subida de de dous puntos no gravame dos depósitos financeiros «para que os máis ricos colaboren máis», dixo, ademais de aprobar ―entraría en vigor en agosto―, unha especie de taxa Tobin á francesa e que gravará un 0,1% as operacións en bolsa. Con ambas pretende recadar até 1.000 millóns de euros. Sarkozy prometeu crear un banco público para dotar de crédito ás industrias e ao mesmo tempo volveu coa vella aspiración de acabar coas 35 horas de xornada laboral, de paternidade socialista, e á que Sarkozy achacou a perda de competitividade das empresas galas. En materia inmobiliaria propuxo unha Lei de estímulo á construción có obxectivo de «crear emprego e baixar os prezos das casas novas e do aluguer», ademais de permitir ampliar un 30% a superficie habitable.

Coraxe política ou suicidio
O primeiro ministro Françoise Fillon envoiu o pasado luns unha misiva ás principais centrais sindicais cominándoos ás negociacións, do contrario, dixo, «o Goberno presentará un proxecto de lei». Os sindicatos xa se amosaron en contra e lembraron hai exemplos de empresas que aumentaron xornada e acabaron pechando deixando sen traballo aos seus operarios. A CGT, principal central sindical de Francia, acusou ao Goberno de pretender «a desregulación do tempo de traballo, o que non ten nada que ver coa competitividade».

Mentres que desde a maioría parlamentaria da UMP se gabou «a coraxe política do presidente», desde a Bretaña onde continúa a súa xira de precampaña, o socialista Françoise Hollande considerou «indadecuada, inxusta, infundada e improvisada» a proposta de Sarkozy de subir o IVE, «e máis», dixo, «nun contexto como o actual onde son as clases medias e traballadoras as que están a cargar coa factura da crise». Hollande non quixo valorar as outras medidas anunciadas pero sinalou que «se os franceses, depositan en min a súa confianza promoverei desde o Parlamento calquera medida neste senso». O candidato socialista non desaproveita a ocasión de lembrar a desafección que os franceses senten neste momento polo seu presidente.

Nos medios de comunicación, a maioría conservadores, as medidas foron ben recibidas pero con matices. O editorial de Le Monde deixaba claro as súas dúbidas e poñía o ollo no calendario, pois unha «reforma crave» como esta «debe facerse ao inicio do mandato», con «amplas consultas», pois a democracia non pode ser imposta «de xeito brutal» por un presidente cando solo faltan só tres meses para as eleccións. Algúns analistas tildaron as propostas do xefe do Estado de «suicidio político».

A estas alturas de partido, Sarkozy sabe que o resultado da primeira volta das presidenciais, o 22 de abril, permanece aínda aberto e non lle queda outra que arriscar. Aos tres candidatos (hai 15 nomes con aspiracións presidenciais) con posibilidades de acceder a unha hipotética segunda volta, Sarkozy, Hollande e Le Pen, se lle sumou un cuarto en discordia, aínda que a moita distancia, o centrista (outros chámano democristiano) Françoise Bayrou. O socialita Françoise Hollande segue a encabezar as enquisas cun 30% de intención de voto fronte ao 23% do actual mandatario. Unha diferenza que se multiplica exponencialmente a favor de Hollande (60% a 40%) nunha hipotética segunda volta que se celebraría o 6 de maio.

 

Anuncios