Etiquetas

, , , , , , ,

Manifestación diante do Parlamento grego en xuño de 2011 // Ggia

Que o ditador morreu na cama permitindo que de noite para a mañá os demócratas se multiplicasen polo Estado coma se de fungos se tratara é algo do que apenas nos estamos a decatar agora. Que o ditador apareza dentro dunha neveira de Cocacola nunha feira de arte moderno é o simple recordatorio de que, agora si, todo quedou atado e ben atado. A importancia da linguaxe demostrouna o totalitarismo stalinista no momento en que chamou eliminación física ao asasinato político igual que Diz Guedes chamaba desprazamentos en masa ás cargas policiais. Como antes, agora aí están os xornais a repetir os paradigmas da Neolingua.

Cando en Madrid non estaba o goberno amigo, quen sentenciaba a morte ao naval galego era o PSOE. Agora que na meseta reina o veraneante de Sanjenjo, quen afoga ao naval é o Congreso. Desde que ―e isto é un supoñer―, está Rajoy en Moncloa xa non hai recesión senón decrecemento moderado, como tampouco recortes no sector público. A falta de calefacción nas escolas valencianas ou a eliminación (física) de camas nos hospitais galegos son simples axustes. Casos que só podería entender Iker Jiménez como xa vislumbrara Ana Palacio en 2006 a conta do comezo das cruzadas en Oriente Próximo: «xa os cidadáns pagan uns céntimos menos pola gasolina e o gasóleo».

Naquel momento, como agora, as protestas da cidadanía eran desordes públicos. O bo da democracia é que todo o mundo pode protestar pero, por favor, non moleste pois ímoslle facer o mesmo caso. Entre protesta e protesta asistimos ao nacemento dunha nova especie: o antisistema. Segundo a RAE, «aquel que se declara contrario ao sistema social ou político establecido». Ante tal obxectividade penso na teima da Igrexa católica tantos séculos tratando de substituir o sistema humano polo divino. Pero como cantaba Aerolíneas Federales non, non, non todo é o que parece amigo e, segundo Esteban González Pons, a palabra cristián «non ten nada que ver coa relixión». Do mesmo xeito, Manuel Fraga foi un demócrata de toda la vida que tivo a mala sorte de nacer nun réxime falto de liberdades, segundo confesou a micrófono aberto Feijóo. Confensar as cousas a micrófono aberto é algo que se está a poñer de moda entre os neofalantes. A venda antes que a ferida.

Nunha manifestación neolingüística como nunca tal se vira, un funcionario de Policía foi o encargado de clarificar o significado da palabra antisistema tratando de non revelar as súas forzas a un “inimigo” que non se vía na Cidade do Turia desde outubro de 1937, cando o goberno da Segunda República liscou a Barcelona ante a inminente chegada das tropas do bando nacional. O funcionario compareceu vestido de paisano como facían os xefes da DGS franquista. Hoxe, nin os golpes de estado son o que eran pois en Grecia e en Italia foron protagonizados por exércitos de traxeados tecnócratas encargados de administrar aos países intervidos. Os mesmos que antes se chamábamos colonias ou protectorados.

A Neolingua está a desenvolverse especialmente en materia económica. Feijóo adiviña raios de esperanza onde antes non vía brotes verdes. Cegado por eles, é incapaz de ver os indicadores do país tras os seus tres anos en San Caetano, pero ninguén lle pode negar o papel de pioneiro neofalante.

Seguir lendo o artigo en Dioivo.eu
Anuncios