Etiquetas

, , ,

Antonio Tabucchi // Efe

Hai xente afortunada por recoñecerse no curruncho de mundo onde lle tocou nacer. Esta xente pode ser interesante. Hainos que ademais do anterior son capaces de deixarse levar polo corazón á hora de desafiar unhas razóns que só a arbitrariedade burocrática entende. Esta xente é a verdadeiramente imprescindible. Antonio Tabucchi era un deses imprescindibles. Nado en Pisa o 23 de setembro de 1943, Tabucchi morreu onte de cancro en Lisboa, o curruncho do mundo que quixo escoller desafiando as burocracias fronteirizas.Autor dunha vintena de obras entre as que destacan títulos como Piazza d’Italia (1975), Nocturno hindú(1984), Réquiem (1992) ou Tristano muere (2004), entre outras. Porén, Antonio Tabucchi será sempre o autor deSostiene Pereira (1994), esa noveliña que vale por unha vida enteira, unha das máis fermosas e fondas que o que isto asina tivo a sorte de ter entre as mans.

Poucos autores lusos foron capaces de captar a saudade tan ben como o italiano Tabucchi. É certo que Portugal, país do que tiña nacionalidade desde 2004, era unha gran parte do seu mundo material porque o real era Fernando Pessoa (1885-1935) e a literatura enteira ―«o Internet da alma», dicía quen se confesaba un analfabeto dixital e seguía a escribir a man―, entendida como única patria verdadeira dentro das fronteiras dunha lingua, o italiano, o seu «país portátil» como el mesmo recoñecía. Todos sabemos dos escritores que engordan ese gran volume de tapas grosas chamado Canon. Tabucchi non era un deles aínda que a morte todo pode solucionar. Obtivo un recoñecemento tardío, adornado con premios como o Pen Club ou o Medicis, entre outros galardóns literarios por unha obra traducida a máis de corenta linguas. Mais só por dar vida ao vello xornalista Pereira ocupa desde hai tempo un lugar prioritario no altar dos heroes caídos, xunto a outros escritores enormemente menores coma, por exemplo, Benedetti. (Non sei por que cavilo en Sostiene Pereira e me ven ao maxín outra noveliña, Primavera con una esquina rota. A voltas coa beleza en estado puro).

Sostiña Pereira, do mesmo xeito que eu a Tabucchi, que coñeceu a Monteiro Rossi un día de verán. Foi na Lisboa de 1938 con Salazar facendo de Portugal o seu campo de xogos sádico, con España na outra beira da fronteira alumeando o fascismo e unha Europa indolente incapaz de ver que criaba o monstro no seu seo. E alí estaba Pereira, vello xornalista de sucesos á marxe de todo e de todos, que un día recibe o encargo de levar a sección de Cultura dun vespertino de segunda fila. Acontece que Pereira padecía da saudade de que todo o pasado era mellor polo que a súa especialidade eran os obituarios dos escritores mortos. Pereira, un morto vivo, obsesionado polos mortos pasados. Até a chegada do seu Lázaro particular, o seu axudante, un bolseiro dos de hoxe, especialista na morte pero cunha paixón pola vida tal para desafiar o imperio tenebroso que reinaba no seu arredor. E no mundo escuro de Pereira a luz abriuse paso dun xeito violento coma non podía ser doutro xeito naqueles tempos. Uns tempos que Tabucchi insistía en que estaban más presentes ca nunca ―«vivimos o presente absoluto», dicía nunha das súas últimas entrevistas―, mentres nós, como Pereiras, agardamos a espera da chegada dun Monteiro Rossi que nos axude a descubrir, por fin, o paiaso que desde sempre dirixe os nosos destinos. Sostiene Pereira é máis que un libro, un faro na escuridade da noite. O recordatorio de que pese a todo, sempre nos quedará un refuxio na cultura e no amor polo ser humano.

Seguir lendo Un dos imprescindibles en Dioivo
Anuncios