Etiquetas

, , , ,

CastroBama

María Luaces

Quen ía sospeitar que Leire Pajín levaba razón. Bueno, a medias. O “acontecemento histórico” de escala planetaria ao final tivo lugar, aínda que quen acabou reunido con Barack Obama non foi un Zapatero español senón un Castro de Cuba; o Castro de pau, non o Comandante Fidel, senón Raúl. Menos da una pedra, que queren, aínda estamos saíndo da recesión. En calquera caso o encontro o pasado marzo na Habana entre ambos os dous mandatarios tivo, como dicía Pajín, altura planetaria. Era a primeira vez desde hai case un século que un presidente ianqui en exercicio ―o último foi Calvin Coolidge en xaneiro de 1928― puña as súas botas de sete leguas na xoia do Caribe. Albricias e zapatetas, con todos vostedes: Castrobama, a especie que abrolla, segundo os expertos, unha nova era nas relacións entre Goliat e o seu particular e invencible David.

Chegou Obama ao aeroporto José Martí nunha tarde chuviosa, tanto que nin o pequeno dos Castro saíu a recibilo. Por suposto, tampouco Fidel, atarefado na súa xubilación como modelo de roupa deportiva. Fillo dun negro de Kenia e unha branca estadounidense criado a cabalo entre Hawai e Indonesia, Obama sería chamado a presidir o último imperio do que temos noticia. Unha mestura de razas e culturas só comparable á do seu parteneur ao outro lado do estreito da Florida: sangue galega e cubana nunha combinación que ben podería ser carne de campaña turística desta Xunta de Galicia. Sendo o menor de sete irmáns coa mala sorte de que un deles fora Fidel, Raúl agardou toda a vida polo seu momento de gloria. Todo fai indicar que o pequeno dos Castro baixou de Serra Maestre aquel xaneiro de 1959 para iniciar unha longa viaxe que so acabaría o pasado 21 de marzo, cando ante os ollos do mundo e os flashes dos fotógrafos foi quen de soster en alto o brazo desganado de Barack Obama, mentres este cavilaba no difícil que é a diplomacia ás veces. A fin de contas, eu tampouco sabería que cara poñer se o líder dun réxime ditatorial (as miñas desculpas para os ofendidos da Berdadeira Hesquerda) quixera collerme da man para inmortalizar o momento cando todos sabemos que o único inmortal neste mundo é precisamente un Castro. Por sorte para Obama non era tampouco esta a primeira vez, o de fotografarse cun ditador digo; algo que vai no salario de presidente de Estados Unidos. A novidade agora foi que “o fillo de puta” non era “o noso fillo de puta” (os créditos a Franklin D. Roosevelt). Velaí o verdadeiro acontecemento planetario.

Houbo no encontro da Habana moito de fin da historia. A dun Obama que nos minutos do lixo do seu mandato trata de perfilar o que os ianquis chaman legado buscando normalizar relacións cos inimigos íntimos ―primeiro foi Irán e agora Cuba― seguindo unha máxima positivista: se algo non funciona, probemos outra cousa. Tamén o final diso que demos en chamar Castrismo, sen saber moi ben que outro nome poñerlle a algo que chegou ao mundo coa beleza e as esperanzas dun recén nacido e que, como todas as revolucións, pasado o primeiro día xa ninguén sabe moi ben que facer con el. A fin de contas, con Cuba pasa como coa Deputación de Ourense ou Corea do Norte: son os únicos lugares rexidos por sistemas hereditarios e vitalicios sen a necesidade de sangue azul.

O certo é que haberá que esperar uns anos máis para ver se o desxeo dará en algo que non sexan máis turistas na busca de vivir “a revolución por un pouquiño e volta para casa”. De momento, o atento espectador puido ver as contradicións de todo sistema: reclamar dereitos humanos na mesma casa allea na que mantés ocupado un cuarto (Guantánamo) mentres Raúl facía unha inmellorable homenaxe a Gila:

―É aquí onde hai presos políticos? Ordeno que se poñan ao aparato!

Ao final, a vida é un Castro vendo pasar presidentes ianquis pola fiestra. Por iso coma xa cantara Carlos Puebla, llegó el Comandante y mandó a parar: “Non precisamos que o impero nos regale nada”, dixo Fidel. Se acaso, a fin do bloqueo. Pero iso é algo que nin sequera está na man de todo un presidente dos Estados Unidos.

Texto publicado no Nº 31 de Luzes

Anuncios